A Orixe do Galego

Substratos do galego

Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe preindoeuropea e ao igual que os indoeuropeos deixaron a súa pegada na lingua galega. As informacións de xeógrafos e historiadores grecolatinos, os restos arqueolóxicos e as similitudes lingüísticas con outras zonas indican que no noroeste peninsular coexistiron diferentes etnias desde o paleolítico até o século V a. C. Desta maneira, podemos falar de dous tipos de substratos

Substratos preindoeuropeos

Cronoloxicamente, están situados na Idade de Pedra, e fórmanos distintas etnias convivindo no noroeste da Península Ibérica. Considerando a distribución xeográfica entre voces propias da Galiza e doutros lugares, pódense diferenciar tres grupos:

  • Euroafricano ou mediterráneo (desde o Norte de África ata os Alpes, pasando pola Península; situado cronoloxicamente a finais do paleolítico superior), que nos deixou palabras como cosco, mata, quiroga e variantes (queiroga, queiruga, queiroa…), carqueixa, carrabouxo, carrasco
  • Hispano-caucásico (desde o Atlántico ao Cáucaso, na Europa meridional; situado no terceiro milenio a.C.), con voces como coto, amorodo e variantes, sobaco, gorro
  • Tirrénico (no Mediterráneo), do cal xurdiron touza, morea, petouto, lastra, barro, cama, veiga, varcia, gánda

Substratos indoeuropeos

A partir do primeiro milenio antes de Cristo, desprázanse até a península pobos indoeuropeos que se superpoñen ás etnias anteriores. Considerando as peculiaridades lingüísticas, adóitase falar de dous grupos:

  • Linguas preceltas ou protoceltas. Desprazáronse á península, aproximadamente polo ano 800 a.C., pobos do centro e norte de Europa coñecidos cos nomes de ligures, ambro-ilirios ou tamén como paraceltas ou protoceltas. Algúns dos restos que deixaron no galego son os topónimos co sufixo -asc- e -usc- (Viascón, Tarascón, Velasco, Ledusco...), xunto con cabana, canastro, cabazo, cabaceira, páramo
  • Linguas celtas. Houbo dúas emigracións de pobos celtas, unha de celtas goidélicos no século VIII a.C. (un celta arcaico que orixinará o irlandés, o escocés e o manés) e unha segunda de celtas britónicos no século V a.C. (un celta que orixinará o galés, o bretón e o córnico). Foi especialmente a segunda onda a que se impuxo política e lingüisticamente á poboación autóctona, manténdose unha relativa unidade cultural até a chegada dos romanos.

As palabras tomáronse ás veces directamente do celta, como foron beizo, laxe, lousa, lama, boroa, croio / coio, bico, berro, bosta, billa, berce, bugallo, centola, seara, bágoa, vasoira, colmo (=palla), gancho, braña, virar, alpendre, touciño, tona… Noutras ocasións, debido ao duradeiro contacto entre celtas e romanos, incorporáronse ao latín: camisa, braga, cabalo, carro, cervexa… E tamén foi na toponimia onde temos herdanza léxica deixada polos celtas: a terminación -obre ou -robe (Landrove, Lestrobe, O Grove, Barallobre, Illobre, Anzobre, Callobre, Canzobre, Montrobe, Tiobre, Pantiñobre: véxase o artigo sobre topónimos galegos en -obre), o sufixo -brica ou -briga, que significa fortaleza (Brigantium, Bergantiños, Coimbra…). Así mesmo, hai numerosos hidrónimos de orixe celta, como Deva (=auga), Limia (=fluír), Sar (=fluír torrencialmente), Sarela

O estrato latino (base lingüística)

O Imperio romano logra anexionar os pobos galaicos a inicios practicamente do século I, case 200 anos despois da primeira colonia romana en Hispania. Esta tardía romanización do territorio da Gallaecia permitiu unha menor asimilación cultural e lingüística, en comparanza co acontecido na maior parte parte da Península Ibérica. O latín será desde entón o idioma reservado para as relacións da aristocracia galaica cos funcionarios do Imperio, motivando unha paseniña situación de bilingüismo que conduciría á adopción do latín por parte das elites, especialmente tras a oficialización do cristianismo (ano 391) e o espallamento da liturxia romana (oficiada en latín) entre a poboación. Con todo, a forte ruralización da Gallaecia e a escasa implantación de grandes urbes permitiulles -como noutras zonas do Imperio- aos estamentos máis humildes (que supuñan o groso da poboación) conservar gran parte dos seus costumes e lingua, ata unha data indeterminada da Idade Media.

Unha das características máis interesantes do latín adoptado na Gallaecia vai ser o seu carácter altamente conservador, de xeito que se consagren moitas das formas máis antigas do latín, mentres xorden novas innovacións noutros lugares como na Galia ou Italia, motivando isto, que o galego manteña formas como “paxaro” (passer), “medo” (metus), “comer” (comedere) ou “mañá” (maneana) no canto de formas latinas máis recentes como avicellus, pavura, manducare, matutinu que se consagraron en idiomas como o francés ou o italiano. As causas deste gran conservadorismo débense non só á situación xeográfica da Gallaecia, das máis afastadas de Roma, senón tamén a que maior parte do funcionarios públicos do Imperio romano que se instalaron nela proviñan da Baetica, zona romanizada desde moi cedo (século II a.C) e na cal se falaba un latín purista e moi clásico.

O latín é a base lingüística máis importante do idioma galego, xa que arredor dun 70 % das voces patrimoniais galegas proveñen basicamente do latín coloquial. A continuación indicamos algunhas palabras procedentes do latín que son exclusivas do galego e non aparecen noutras linguas: acio, arela, garabullo, chaira, intre, lóstrego, aloumiño, con (rocha no mar)…

O proceso de romanización tamén se deu noutros lugares, o que explica que da lingua utilizada daquela, o latín vulgar, derivasen xa na Idade Media as chamadas linguas románicas (o occitano, arpetano, castelán, o catalán, o astur-leonés, o romanés, o francés, o italiano etc.).

Superestratos pos-latinos

Na lingüística coñécense co nome de “superestratos” aquelas linguas que dun xeito ou outro influíron posteriormente sobre un idioma base, achegándolle deste xeito numeroso vocabulario. No caso do estudo lingüístico do galego, coñécense co nome de “superestratos pos-latinos” as linguas que chegaron á Gallaecia despois da retirada do Imperio Romano (ano 409), tales como foron as linguas britónicas e xermánicas, e que influíron sobre o latín común falado polos galaico-romanos.

Superestratos xermánicos e britónicos

No ano 409 ou 410 establecéronse no noroeste da Península Ibérica os suevos, que non impuxeron a súa lingua, senón que asumiron a falada polos galaico-romanos. Isto puido deberse a que era unha lingua menos culta (non se conservan textos escritos en lingua sueva), e a que a maioría dos chegados eran homes guerreiros que casaron coas mulleres galaicas, polo que a lingua materna seguiu sendo o latín vulgar. Os suevos (xermanos occidentais) fundaron un reino no noroeste peninsular que durou case dous séculos, até o 585, ano no que se incorporan á monarquía visigoda.

Durante o reinado visigodo tampouco houbo imposición da súa lingua, pois desde a corte de Toledo mantiveron os costumes e linguas da zona. Os dous pobos xermánicos -suevos e visigodos- realizaron os seguintes contributos léxicos, denominados como superestrato, que se superpuxeron ao latín galaico:

  • Léxico de procedencia sueva: laverca, lobio, britar, feltro…
  • Topónimos acabados en -riz (= que ten autoridade): Guitiriz, Allariz, Mondariz, Arxeriz…
  • Topónimos finalizados en -mil, -mir, -miro (= famoso): Castromil, Samil, Boimil, Valdomir, Valdomiro…
  • Toponimia acabada en -monde, -munde, -mondi, -mundi (= protección): Baamonde, Rocamonde, Taramundi, Extramundi…
  • Topónimos coa terminación -ar (=exército) e -mar (= cabalo): Baltar, Gondar, Tosar, Remesar…; Gondomar, Ansemar
  • Topónimos que acaban en -ulfe, -olfe, -ufe (= lobo): Frexulfe, Randulfe, Trasulfe, Gondufe…
  • Toponimia coas palabras godo ou suevos: Godas, Godón, A Gudiña, Vilagude, Suevos, Suegos…
  • Léxico militar e político-xudicial: elmo, guerra, frecha, espiar, dardo, gañar, vasalo, feudo…
  • Outros verbos e adxectivos: morno, rico, danzar, esmagar, guiar, branco, gris, escarnecer, tripar, arranxar…
  • Antropónimos: Adela, Afonso, Álvaro, Amalia, Bernardo, Carlos, Elvira, Fernando, Henrique, Leonardo, Luís, Matilde, Ricardo, Rodrigo, Xerardo…
  • A terminación -iz, -is, -ez e -es dos apelidos (que significa fillo de): Mauriz, Fernández ou Fernandes, Pais, Méndez ou Mendes, Lopes ou López, Peres ou Pérez etc.

Das vagas celtas procedentes de Bretaña, establecidas na diocese de Britonia, consérvanse poucas palabras: os topónimos Bretoña (A Pastoriza), Bretoña (Barro), Bertonía, Bertoña… e o nome Maeloc.

Préstamos mozárabes e árabes

O establecemento dun importante estado islámico no centro e sur da Península Ibérica -coñecido como Emirato de Córdoba (Al-Andalus)- xa a comezos do século VIII, supuxo un novo foco cultural e científico de gran prestixio no mundo occidental durante o Medioevo. Aínda que a maior parte da poboación de Al-Andalus seguiu a falar diferentes linguas latinas (mozárabes), foi non obstante o árabe -lingua da elite política, relixiosa e cultural-, a que se espallou pouco a pouco incrementando enormemente o número de arabófonos por todo o Emirato de Córdoba.

Esta situación político-cultural, tivo enorme transcendencia en todo o sudoeste de Europa, motivando a absorción de novas palabras previamente inexistentes nas linguas occidentais como o galego, tales como as relacionadas coas matemáticas e a ciencia; álxebra, alcohol, algoritmo, alquimia, cero ou cifra, aquelas referidas ás plantas ou alimentos de orixe mediterránea ou oriental; aceite, azafrán, cenoria, arroz, azucena, azucre, limón, laranxa, xarope ou algodón. O feito de que na Idade media existise unha zona de contacto directo entre falantes de galego e árabe arredor da zona de Coimbra explica a entrada no galego de numerosos préstamos arábigos tales como: alcalde, alguacil, alférez, alfaiate, albane, albarda, alferga, alfoz, alfombra ou alicate entre moitas outras.

É destacable a entrada indirecta no galego de léxico árabe a través doutras linguas que tiveron unha convivencia máis estreita e duradeira co árabe, como foron o castelán (que incorporou máis de catro mil arabismos) e o portugués (cuns mil arabismos), debido en gran parte ás conquistas realizadas no sur da Península Ibérica, mais tamén en zonas norte-africanas.

Do latín ao romance galego-portugués

A evolución do latín coloquial falado na Gallaecia occidental ata o que hoxe coñecemos como lingua galega produciuse de maneira progresiva, paseniña e por tanto imperceptible. Esta constante evolución non permite marcar un límite cronolóxico exacto no que este latín coloquial se converte en galego, mais no século VIII a lingua da igrexa e da administración era tan distante da falada que xa se poden recoñecer dous sistemas diferentes: o latín e o galego. Nesta altura a nova lingua, continuación dun latín coloquial propio, cheo de trazos lingüísticos celtas e xermánicos (entre outros), desempeñará o papel de ser propia dos rexistros informais, unha lingua falada mais non escrita. Xa desde o século IX aparecen documentos en latín con numerosos voces romances (ben por descoñecemento do latín, ben pola presión da lingua falada): ovelia, conelium, estrata, celleiro, auterio…

Non obstante, non aparecerán textos escritos en galego ata finais do século XII, xa que o latín continuaba a ser a lingua da cultura, dos documentos legais, da liturxia e do ensino, non só na Gallaecia romana, senón en toda a Europa medieval. Estamos ante unha evidente exodiglosia (diglosia entre dúas linguas): unha lingua para os usos formais, o latín, e outra para os usos non formais, o galego.

A finais do século XII e comezos do XIII é cando o galego, igual que o resto das linguas romances, comeza a usarse na escrita. O documento máis antigo datado é a Notícia de Fiadores, de 1175. O documento literario máis antigo dos coñecidos hoxe é a cantiga satírica Ora faz ost’o senhor de Navarra de Johan Soarez de Pávia, escrita arredor do ano 1200. Dos comezos do século XIII datan os primeiros documentos non literarios en galego, Notícia de Torto (1211) e o Testamento de Afonso II de Portugal (1214). Recentemente foi achado o documento máis antigo escrito no actual territorio da Galiza, o cal data do ano 1228. Trátase do Foro do bõ burgo de Castro Caldelas outorgado por Afonso IX en abril do dito ano ao municipio de Allariz. O mais antigo documento latino-galego-portugués, encontrado en Portugal, é chamado de Doação à Igreja de Sozello, encóntrase no Arquivo Nacional da Torre do Tombo, e é datado no ano 870.

Ler máis:

http://gl.wikipedia.org/wiki/Historia_da_lingua_galega

Historia ilustrada da lingua galega:

Audios:

http://www.ivoox.com/surgimento-do-galego-portugues-no-nw-peninsular-j-manuel-barbosa-audios-mp3_rf_274400_1.html

http://www.ivoox.com/a-orixe-do-galego-sustrato-celta-e-latinizacion-audios-mp3_rf_2671814_1.html

http://www.ivoox.com/breve-resumo-da-historia-do-galego-audios-mp3_rf_1804756_1.html

http://www.ivoox.com/historia-da-lingua-galega-entrevista-a-manuel-audios-mp3_rf_1421942_1.html

Vídeo:

Serie de vídeos:

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s